A SENORA A. C.

Fada dos consellosA Señora dos Sete Lugares A. C. constituíuse, como asociación cultural, pola iniciativa conxunta de catro parentes que descenden dunha antepasada común. No primeiro momento, A Señora A. C. foi unha simple excusa para a edición dun libro de contos.

Do mesmo xeito que as persoas, tamén as xuridicas, de camiño empezan a andar soas, tamén A Señora A. C. medra e abre as súas portas a quen queira que se propoña a tarefa de promover a cultura do Ortegal e Cedeira. Finalizados os trámites burocráticos, tamén precisos no ámbito cultural, A Señora A. C. largará as súas redes e enganchará cantos peixiños queiran botar unha man coa cultura.

A Señora entende a cultura nun senso amplo, aberto, que abrangue o estudio da paisaxe, a construcción rural, a literatura, a música, o folklore, a pesca, e, como di a miña fada dos consellos, a festa popular.  E a historia, e a iconografía, e a toponimia, e tutti quanti. Agardade un intre e comenzaremos xuntos esta andadura.

I edición do concurso de contos “A Señora dos Sete Lugares”

A Señora dos Sete LugaresDespois dun tempo de traballo entre os pais d’A Señora, por fin imos darvos unha nova: xa temos preparadas as bases para o noso primeiro concurso de contos.

Nun primeiro momento tiñamos pensado facer un libro de contos ilustrados, pero, dada as dificultades de coordinación e xestión que implicaban, decidimos modificalo concepto e deixalo en un libro de contos e ilustracións.

Podedes consultar as bases (en galego | en castelán), pero adiantádevos un par de cousiñas:

  • Só se poderán presentar contos, aínda que estes poden ser de calquera estilo.
  • O prazo de presentación de orixinais, tanto para contos como para imaxes, é a partires do 20 de abril e rematará o 1 de agosto de 2012.
  • O fallo anunciaráse nesta mesma páxina o 1 de outubro de 2012.
  • Se es maior de idade podes participar. Tanto ten que vivas en Mañón ou en Bos Aires; que sexas español ou senegalés.

Esperamos as vosas achegas:)

As primeiras fotos

O outro día A Señora recibiu as primeiras fotografías que lle enviou unha amiga de Facebook. A amiga que tivo a honra de enviarlle as primeiras imaxes foi Gema Rey (moitas grazas!) que as tomou en Espasante.

Se vós tamén queredes enviarlle algunhas estampas á Señora, enviádeas nun correo electrónico ao seguinte enderezo asenoradossetelugares [arroba] gmail [punto] com

Asemade, podedes enviarnos ideas, comentarios, críticas, consultas, colaboraciós ou calquera outra cousa ao mesmo enderezo.

Por qué?

Non é necesario xustificar a iniciativa de editar un libro.  E un capricho pois á Señora dos Sete Lugares sempre lle gustou a literatura, a tipografía é a imprenta.  De feito, un dos pais da Señora é xornalista, outro, profesor de istoria e ensaista, e os outros dous pais, -supoño que putativos- son avogados e, como decía Joaquin Garrigues, tamén “os xuristas vivimos das palabras”. É, tamén, un esforzo empresarial, sin outro beneficio que ver escritas palabras que falan do Ortegal e Cedeira na compaña de as mais belas imaxes de artistas graficos nun cadro, o libro, que quere ser, tamén, unha pequena obra de arte.

Hai outra razón, a posteriori: Falar de aqui, da nosa terra, e ensinar o que se pode facer neste recuncho de Galiza, é crear unha sinerxia á que se poden xunguir os que crean na necesidade de que Cedeira e Ortegal sigan existindo.

A Señora, un proxecto cultural

O primeiro e definir. Marcar os lindeiros nos que vamos a xogar. A idea primeira é editar un libro de contos. Un libro de contos que, por riba, teña ilustracións. E todo: O libro, os contos, as ilustracións, todo que ten que estar relacionados coa nosa bisbarra: Ortegal e Cedeira. Aí empezou todo.

Por tanto, a definición exclue, polo de agora, todo o que non sexa relato corto e ilustracións. Dentro de eses marcos, colle todo. Relato historico, ciencia ficción, aventuras, … Non e un libro de teatro, nin de poesía, nin de novela.  Nas ilustracións, tamén colle todo: gravado, foto, acuarela, etc.

Outros, máis novos, queren abrilo máis, pero eu penso que, de momento, está ben.

Quén somos?

O campo de mainzo da Señora. Non somos ninguén,  É somos todos. Nace un proxecto cultural, nada ambicioso, mais ben limitado, demarcado.  Agora, hoxe, catro que vimos da Señora dos Sete Lugares queremos editar un libro de contos. Un libro de contos pequeno, de nove relatos.  Con cinco fotos e cinco dibuxos.  Decía meu pai, que tamen viña da Señora: “Nunca votes mais mainzo do que poidas sachar”. De momento, unha leira pequena, cós seus marcos, posta a mainzo. No maizal, nos sucos que quedan, plantanse calabazotes.  Poucos.  Dos que se saca o cabelo de anxo para facer a tarta de Ortigueira.

Benvidos

Benvidos a páxina da asociación cultural A señora dos sete lugares. Como tanto a asociación coma a páxina están recén nacidas, todavía non temos moito para ofrecervos, salvo a ilusión que lle imos poñer e o interés en traballar para a fomentar a cultura e as actividades sociais en no Ortegal e Cedeira.

Temos algunhas ideas en mente, pero que todavía non vos podemos dicir. Pero prometemos avisarvos con tempo neste blog, no noso perfil de Twitter, no de Facebook  ou no de Pinterest.

Neste blog tamén veremos de contarvos outras iniciativas culturais dos nosos concellos e pobos, aínda que non esteamos metidos nelas.

Se queres facernos algunha suxestión, plantexar algunha queixa, contarnos algunha iniciativa ou simplemente falar con nós, poder empregar os comentarios deste blog, os nosos perfís sociais ou a través do enderezo electrónico asenoradossetelugares [arroba] gmail [punto] com